Acotío ouvimos queixas sobre o caros que son os libros, especialmente os libros en galego. Nesta colección de catro pequenos artigos, pretendemos botar unha pouca luz sobre onde van os cartos que pagamos por eles e a quen e en que porcentaxes chegan.

Malia que hai excepcións e casos particulares a mancheas, podemos dicir que grosso modo, a cadea estándar do libro ten catro elos principais:

A xente que crea: Son as escritoras, ilustradores e, en xeral, as persoas que desenvolven os contidos dunha obra.

A xente que edita: Son, polo xeral, as empresas editoriais, as persoas que dan forma de libro aos contidos desenvolvidos polos primeiros.

A xente que distribúe: Son as persoas encargadas de que os libros editados cheguen aos seus puntos de venda. Habitualmente trátase de empresas de distribución e loxística.

A xente que vende: Son aquelas persoas que fan chegar os libros ao público, como libreiros, feirantes, comerciais de ensino etc.

Neste primeiro artigo centrarémonos no primeiro elo, na xente que crea

que achega e que reciben os creadores?

Son as responsábeis do traballo creativo, de escribir ou ilustrar, de desenvolver a través do seu esforzo os contidos brutos das obras, que despois tomarán forma definitiva nas editoras. Agás no caso das autoedicións, a xente que crea non fai achegas económicas para a edición. Porén, na Galiza hai moitas empresas editoriais de toda a vida, mesmo algunhas con gran nome, que, para editar determinadas obras, piden ás autoras e autores un compromiso de compra para poderen cubrir os custos de edición. Neste caso estamos a falar dunha autoedición encuberta, leve o carimbo editorial que leve por fóra.

Dereitos de autoría

No sistema estándar (cando as persoas que crean non teñen que pór un can para editar o libro), unha vez publicada a obra, cobran en concepto de dereitos, tamén chamados royalties. Polo xeral, o importe dos dereitos é dun 10% sobre o PVP sen IVE dos libros vendidos ao longo do ano. As liquidacións de dereitos fanse en períodos regulares, normalmente de ano en ano, aínda que hai quen as fai semestrais, trimestrais ou mensais.

Anticipos

Hai veces que tamén cobran anticipos sobre vendas futuras. Isto quere dicir que a editora pode pagar por adiantado os dereitos dunha cantidade de libros que aínda non se venderon, anticipo que se restará da liquidación de vendas reais a final de período. Os anticipos son bastante cómodos para que ás editoras non se lles xunte moito que pagar no mesmo mes, aínda que, loxicamente, tamén supoñen certo risco, se acaso non se chegan a vender nunca tantos exemplares como dos que se adiantaron os dereitos.

Premios literarios

As dotacións dos premios literarios funcionan habitualmente como anticipo ou autoliquidación dos dereitos de autoría, podendo a autora cobrar ou non (en función das bases de cada premio) futuros royalties, no caso de que os dereitos de autoría xerados superen a contía do premio.

Actividades

Aínda que non son ingresos directamente relacionados coas vendas, tamén merecen a súa mención debido á importancia que teñen no sistema literario galego. A miúdo as autoras cobran por dar charlas, participar en mesas redondas etc. O máis común na Galiza é que visiten centros de ensino. Neste caso o máis habitual é que a propia editora pague á autora un importe determinado por charla, xa que previamente o centro adquiriu determinado fondo ou se comprometeu a colocar determinado libro como lectura obrigatoria. Daquela, aínda que non se trate de royalties, en certo modo ese diñeiro si está vinculado ás vendas.

Exemplo práctico de como funciona isto dos royalties, para nos entender

Cando mercamos na libraría un libro de 20€ (19,23€ sen o correspondente IVE do 4%), a autora cobrará 1,92€ a final de período. Se durante todo o ano se venderon 300 exemplares, a autora cobrará 300×1,92€=576€. No caso de que a autora percibise un anticipo en royalties por 200 exemplares (384€), e a fin de período se venderon os 300 exemplares que citamos antes, cobrará só os dereitos dos 100 restantes (192€).

Como podedes ver, para vivir de escribir moito hai que vender, e tendo en conta que na Galiza moi poucos libros superan o teito dos 1000 exemplares vendidos, a digna profesión da escrita adoita ser un complemento dunha actividade que dea un verdadeiro sustento. Porén, non todo é negro, xa que, aínda que todos coñecemos casos de persoas que o intentaron vivir da escrita e non puideron, a día de hoxe hai outros casos esperanzadores de xente que vive da escrita no noso país.

Ademais de ser pouco o que se gaña co traballo creativo, hai que ter en conta outros problemas que xorden deste sistema

Problema número 1

As autoras teñen que se fiar de que os informes das editoras son reais, ten que haber plena confianza. Como en calquera outro sector, podemos asumir ou non que a outra parte do contrato actúa de boa fe, mais como non é doado rastrear as vendas dun título, non nos queda outra que confiar e, no caso de que as cifras non nos cadren, mudar de editora ou buscar un bo avogado.

Problema número 2

A idea de literatura militante e voluntarista que callou na Galiza fixo que moitos autores e autoras non quixesen cobrar os seus dereitos «por unha cuestión patriótica» e tamén que moitas editoras non quixesen pagar devanditos dereitos porque «é o único xeito de seguir existindo». Se unha editora ten que pagar a imprenta, o aluguer, os salarios etc. Por que pagar royalties é tan estraño ás veces no noso país?

Tendo en conta que na Galiza moi poucos libros superan o teito dos 1000 exemplares vendidos, a digna profesión da escrita adoita ser un complemento dunha actividade que dea un verdadeiro sustento.

Cando na Galiza superemos esta liña de pensamento e todos os elos da cadea cobren e paguen o que corresponda, comezaremos a ter unha cultura normal. Abofé que un 10% sobre o PVP das vendas é unha boa carga para unha editora, mais acaso non hai que pagar o pan cando imos á tafona? Aquí debera ser o mesmo conto, e se tanto presumimos de que os libros alimentan a mente e o espírito, todos os elos, e especialmente o da xente que crea os libros que día a día constrúen un país, deben cobrar o que lles corresponde.

Na seguinte entrega abordaremos o segundo elo da cadea: a xente que edita. Até!

Imaxes: lermos.galbookcheetah.com .

11 COMENTÁRIOS

  1. O primeiro problema supoño que é transversal a todas as literaturas. No fondo todo o sistema é unha cadea de confianza: a autora ten que confiar na veracidade dos datos que lle dá a editora, a editora nos da distribuidora e esta, en última instancia, no que lle di a libraría. O segundo problema é noso, se cadra tamén compartido con outras literaturas periféricas ou emerxentes. Si que estaría ben coñecer a opinión da AELG, mais supoño que non existe unha opinión “oficial” ou “pública” a respecto disto. Todo o mundo fala arredor da mesa dun bar de que “tal editora” ou “tal outra” non pagan nunca dereitos, mais no noso ADN temos instalado ese “deixar facer”, probabelmente por non querermos facer dano, mais que a longo prazo pode resultar dunhas dinámicas pouco naturais e viciadas para a nosa literatura. En fin… unha cousa máis deste noso pequeno país.

    • Posibles propostas para os problemas sinalados:
      Problema 1: Creación de un organismo independente con capacidade de fiscalizar as ventas.
      Problema 2: Reformulación da política de subvencións / compras de libros / axudas / convenios.

  2. Creo q deberias usar un tempo verbal mais desiderativo d falarmos da realidade e non da legalidade das relacións economicas entre autor@s e editor@s. Neste país non cobra dereitos nin Deus e poucas veces charlas, conferencias e non digamos recitais d poesia. S cadra moit@s autor@s conformariamonos con q s fixeran edicions decentes das nosas obras

    • Tes toda a razón mais no coidado das edicións, como todo nesta vida, depende dos profesionais cos que teñamos a sorte, ou a desgraza, de traballar. O malo dos escritores é que moitas veces non contamos coa fortuna de traballar, man a man, coa editora e o que acontece na realidade é que poñemos nas súas mans o noso traballo. Aí, como dicía antes, dependemos da profesionalidade e agarimo que eses profesionais poñan no que fan. Aínda así, esta era a primeira parte de catro. Non sei con que nos deparará Terrafría nas seguintes achegas 😉 Grazas pola túa visita e por comentar. Os contidos gañan moito máis valor se se establece un diálogo sobre eles.

    • Prezado Paco. Se ben xa se indica no artigo que unha das eivas do mercado literario galego é precisamente que hai editoras que non pagan os dereitos, tampouco podemos xeralizar. Polo que eu sei (aínda que se cadra me trabuco), as editoras máis grandes do país, Xerais, Galaxia e Kalandraka, si pagan dereitos relixiosamente. En canto a outras empresas, teño por seguro que Urco editora si paga (acabo de recibir a miña liquidación anual), tamén Rinoceronte, e probabelmente outras moitas. Se cadra os que non pagan sexan os mesmos de sempre, mais coido que hai casos abondos de boa praxe como para non xeralizar co asunto da falta de pagamento.
      En canto ao das edicións decentes, tes toda a razón do mundo. É unha mágoa que ás veces falle o diálogo autor-editor e que os produtos resultantes non sexan satisfactorios para ninguén.
      Moitas grazas por nos ler e comentar!

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*