Acotío ouvimos queixas sobre o caros que son os libros, especialmente os libros en galego. Nesta colección de catro pequenos artigos, pretendemos botar unha pouca luz sobre onde van os cartos que pagamos por eles e a quen e en que porcentaxes chegan.

Malia que hai excepcións e casos particulares a mancheas, podemos dicir que grosso modo, a cadea estándar do libro ten catro elos principais

A xente que crea: Son as escritoras, ilustradores e, en xeral, as persoas que desenvolven os contidos dunha obra.

A xente que edita: Son, polo xeral, as empresas editoriais, as persoas que dan forma de libro aos contidos desenvolvidos polos primeiros.

A xente que distribúe: Son as persoas encargadas de que os libros editados cheguen aos seus puntos de venda. Habitualmente trátase de empresas de distribución e loxística.

A xente que vende: Son aquelas persoas que fan chegar os libros ao público, como libreiros, feirantes, comerciais de ensino etc.

Neste terceiro artigo centrarémonos no terceiro elo, na xente que distribúe

xente que distribuie

Pero que é unha distribuidora e para que serve?

Se botamos man dunha metáfora, podemos dicir que unha distribuidora de libros é unha máquina simplificadora que se sitúa entre editoras e librarías para lles facer a vida máis doada a ambas as dúas. O de «máquina simplificadora» vén porque toda editora que conte cunha distribuidora para cubrir determinado territorio só precisa enviar libros a un só punto (o centro loxístico da distribuidora) e facturar a un único cliente. De non existir, cada editora tería que traballar directamente con cada punto de venda, e asemade, cada punto de venda debería xestionar un mundo de provedores, facturas, liquidacións etc.

En que consiste unha distribuidora?

Imos explicar o funcionamento da distribuidora seguindo a azarosa vida dese libro de vinte euros do que falamos nos anteriores artigos, ese que mercamos nunha libraría e de cuxo prezo nos queixamos.

Cando rematou de ser impreso e entrou no almacén da editora, a persoa encargada colleu trescentos exemplares, empaquetounos e enviounos directamente á distribuidora, xunto cun albará e unha ficha de alta do libro, onde figuran o título, a autora, o número de ISBN etc.

A empresa de transporte X entregou as caixas no centro loxístico da distribuidora, onde unha persoa de almacén comprobou que o envío cadrase co que ía escrito no albará. A partir de aí, o libro agardará uns días a que saia o seguinte SERVIZO DE NOVIDADES para as librarías subscritas. Este servizo consiste simplemente en xuntar todas as novidades do mes/semana/quincena/período indeterminado das distintas editoras, colocar un exemplar de cada (ou uns poucos) en tantas caixas como librarías haxa subscritas e envialas, para que as libreiras reciban, frescos e recendendo a tinta, os libros acabados de editar.

O noso protagonista viaxa xunto con outros volumes de outras editoras até un punto de venda, onde a libreira o desempaqueta e decide colocalo na mesa de novidades, no escaparate, no fondo dun andel ou, como ás veces acontece, deixalo na caixa e envialo de volta por falta de interese no mesmo.

Pero logo as librarías non escollen os libros que mercan senón que os reciben ao chou?

Definitivamente non. As librarías poden escoller que libros mercar, mais os servizos de novidades son útiles para contar cun fondo de todo acabado de editar, sen ter que preocuparse por buscar e andar sempre á última. Os libros de servizo de novidades adoitan chegar en forma de «depósito» ás librarías, o que quere dicir que, no caso de non as querer ou non as vender nun determinado prazo, a libraría pode devolvelas e pagar só as que vendeu ou as que quere deixar no seu estabelecemento.

E ben, o noso amigo de vinte euros atopou comprador, igual que outro 30% dos volumes que viaxaron con el desde o almacén da distribuidora á libraría X. Daquela, a distribuidora recibirá un informe por parte da libraría sobre os libros vendidos e os non vendidos, sobre aqueles aos que quere dar outra oportunidade e sobre aqueles que están condenados a volver ao almacén do distribuidor. E así, máis unha vez, unha parte dos libros retornan ao almacén da distribuidora para agardaren a súa quenda, quizais noutra libraría que os trate mellor.

Logo desta ida e vinda, a distribuidora factura á libraría o importe polos libros vendidos e a libraría pagará no prazo estipulado. Despois, rematado o período acordado coa editora, a distribuidora presentará un informe de todos os libros vendidos en todos os puntos de venda ao longo de devandito período, que adoita ser de entre un e tres meses. Logo da subseguinte queixa da editora polo pouco que se vende, esta emitirá unha factura á distribuidora, que pagará o importe no prazo que teña acordado.

Agora ben, canto gaña unha distribuidora?

Até o de agora, vimos que a xente que escribe gaña un 10% do PVP do libro, un 10% que sae dos beneficios da editora. Tamén vimos na segunda entrega desta serie de artigos, que a editora percibe un 50% bruto do PVP dos libros vendidos nas librarías. Entón, onde vai o 50% restante? Pois, loxicamente, repártese entre distribuidora e libraría, normalmente a unha porcentaxe 20-30, 25-25 ou 20-30, aí xa depende da forza da libraría para negociar mellores ou peores condicións.

Que gastos afronta unha distribuidora con esa marxe de beneficio?

-Gastos de persoal, repartidos principalmente en persoal de almacén, persoal de administración e persoal de rúa (os comerciais que visitan as librarías regularmente para comprobar os depósitos, promocionar libros, renegociar condicións etc.)

-Gastos de loxística, que son principalmente os custos de almacenaxe, embalaxe e envíos aos puntos de venda.

-Gastos de promoción, que constitúen todas aquelas accións promocionais que poida acometer unha distribuidora, como agasallar libros de mostra a centros de ensino, publicar catálogos, fabricar expositores, actualizar a páxina web etc.

Cales son os riscos que corre unha distribuidora?

-O primeiro e máis evidente, que os libros que distribúe non se vendan e que, daquela, non xeren beneficios.

-Que as librarías incorran en impagamentos e, por tanto, que a distribuidora teña que responder cos seus propios cartos ante as editoras.

Mais, que acontece se, por exemplo, deses 300 exemplares que a editora mandou distribuír, non se venden máis que 50 ao longo de varios anos?

Neste caso, a distribuidora pode decidir devolver os 250 exemplares restantes á editora, que é a que ten que afrontar a perda, xa que a distribuidora non merca os libros, só os ten en almacén para os mover nos puntos de venda.

Visto todo isto pode semellar que, nese posto de intermediario puro, o da xente que distribúe é o elo máis forte da cadea, o que non arrisca, mais non é de todo certo.

En primeiro lugar, hai que pensar que, polo feito de tratarse dunha máquina simplificadora, o traballo de xestión dunha distribuidora é inxente. Non só ten que xestionar as entradas regulares das novidades por parte das editoras, senón tamén as reposicións dos títulos que se van vendendo, para así poder servir os pedimentos das librarías con celeridade. Tamén ten que ter un control exhaustivo dos libros que están en depósito (os que están como en empréstito nas librarías, con dereito a devolución), dos depósitos que caducan e que hai que facturar, dos libros que se estragan, dos que se agasallan, dos que se poden perder nun envío ou nunha feira…

En segundo lugar, o seu sistema de funcionamento require dunha enorme liquidez para poder facer fronte aos pagamentos ás editoras cando, en moitos casos, os libros que se liquidan aínda non están aboados por parte das librarías. Por isto é común que as distribuidoras traballen con liñas de crédito bancarias, pagarés e demais enxeños endiañados deseñados para nos facer a vida máis difícil ao común dos mortais.

En terceiro lugar, existe un problema que é inherente a todos os elos da cadea do libro: a confianza. Ao tratarse dunha cadea, cada elo ten que confiar no seguinte. Do mesmo xeito que a autora confía en que a liquidación de royalties que lle manda a editora se corresponde cos libros vendidos na realidade, igual que a editora ten que confiar en que a distribuidora envíe unha liquidacións de vendas reais, con números sen trucar, a distribuidora tamén ten que confiar en que o que as librarías din que venderon é real. Á fin, todo se reduce a unha cuestión de confianza e honradez.

Pero por que as editoras non distribúen os seus propios libros para aforraren este intermediario e a súa comisión?

Abofé que o fan, mais non todas. Curiosamente, hai dous tipos opostos de editora que non adoitan traballar a través de distribuidora.

1-Os grandes grupos editoriais: Non o fan porque son poderosos dabondo como para ter os seus propios centros loxísticos, e a súa produción de libros novos abonda para encher mes a mes as mesas de novidades das librarías.

2-As microeditoriais: Os proxectos editoriais miúdos que operan nun territorio relativamente pequeno, como por exemplo a Galiza, adoitan non precisar dunha distribuidora. O motivo é que unha baixa produción de títulos novos e unha rede pequena pero fiel de puntos de venda, abondan para manter á boia esta clase de proxectos, co que as propias editoras se encargan de facer chegar os seus libros ás librarías e liquidalos cando toca.

Por iso, son as editoras de tamaño mediano as que máis demandan os servizos deste terceiro elo, xa que non son grandes dabondo como para poderen crear unha rede loxística propia pero son grandes de máis como para autodistribuír sen afogar cos números, as contas e o almacén.

Funcionan as distribuidoras de libro galego na Galiza?

Pódese dicir que funcionan, do mesmo xeito disfuncional que as editoras de libro galego, as librarías de libro galego… O certo é que na Galiza non é doado que os libros cheguen aos andeis e se visibilicen, agás nuns poucos puntos de venda tradicionalmete “amigos” do libro galego. No entanto, mellores ou peores, sen as distribuidoras, que fan pequenos esforzos por introduciren o noso libro nos puntos de venda, o mercado literario galego caería baixo a presión dos grandes grupos internacionais, que coa crise económica comezaron cunha salvaxe loita polo espazo nas librarías, afogando os proxectos independentes, as linguas minorizadas e, en resumo, a multiplicidade dun mundo, o das letras, que moitos de nós criamos especial, mais que a nivel global non é máis que un sector máis da economía de mercado, unha pequena sección nos grandes almacéns do capitalismo mundial.

E con esta última cuestión adiantamos o cuarto e derradeiro artigo desta serie, que tratará sobre o último elo da cadea do libro, o da xente que vende, aquelas persoas que a diario desafían a opinión común de que xa non se le e abren os seus estabelecementos, ou van montar os seus postos de libros.

Deica a cuarta e última entrega!

 

Imaxes: lermos.gal, GKR Magazin

 

 

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*