Entrevista a Alberto Pombo

0
110

A Linda Rama (Rúa Porta de Aires, 4 na Coruña) é un deses lugares con alma. Tan pronto cruzas a súa porta, irremediablemente, sentes a necesidade de ocupar unha das cadeiras e pasear a vista polos muros de pedra vestidos de andeis con libros. A música, os filmes en branco e negro proxectados sobre a parede, o mobiliario, todo está enchoupado da personalidade dos seus donos, como se fose unha proxección deles mesmos, como un feixe de tesouros compilados nas entrañas dun faiado. Teño pasado moi bos momentos alí, degustando un licor café ou saboreando os seus fantásticos Gin Tonics. Tamén asistín a presentacións literarias, recitais de poesía e charlas sobre cinema. Desde mercados artesanais até exposicións de fotografía. Así de variadas e diferentes poden ser as horas nas que este local nos deixa formar parte del. Nunha tarde chuviosa de xaneiro tiven a sorte de charlar con Alberto, un dos culpábeis de que esta libraría-bar sexa un dos mellores refuxios para resistir o inverno na Coruña.

LindaRama1

Quen está detrás da Linda Rama?

No proxecto inicial estabamos dous infamous players, Dani Cao e mais eu, Alberto Pombo. Mais agora, desde o día 1 de xaneiro, estou apenas eu como irresponsábel absoluto de todo este conto.

Ao principio eramos un politólogo e un filólogo e esa é parte da esencia que se mantén e que nos condicionou cando decidimos crear unha libraría especializada en ensaio, quer político, quer filolóxico. Se ben hoxe en día tamén abranguemos outros fondos, con atención a diferentes estilos e xéneros.

Evidentemente, indo á raíz de todo, na Linda Rama hai uns valores de base que son parte mesma e razón da súa existencia e que nacen da nosa propia identidade e mesmo das nosas diferentes militancias.

Como xurdiu a idea? Tiñades na mente montar un garito binómico ou ía ser unha libraría e rematou por ser un bar de copas? Como foi o tema?

A idea xorde da precariedade absoluta. Os dous estabamos no desemprego e, en lugar de ficarmos de brazos cruzados, resolvemos tentar abrir un espazo novo na cidade que recollese as inquedanzas de ambos. Unha máis cultural, se queres chamarlle, e outra máis lúdica que fomentase a asistencia e o encontro, facilitando a exportación do proxecto cara outras disciplinas.

Hoxe, xa ves, dentro dos nosos muros acollemos a primeira galería da cidade da Coruña especializada en Fotografía, a “Sala Sal”, que co-dirixo xunto con Marcos Ferreiro. Fundouse tamén aquí o cineclube da Coruña baixo a dirección dos expertos en cinema José Manuel Sande e Xan Gómez Viñas e que atendía a unha demanda non resolta na cidade nas últimas décadas; temos un espazo reservado para as mostras pictóricas, hai unha exposición permanente de esculturas, recitais, teatro, concertos, encontros, conferencias, coloquios…

Sen dúbida, o espazo de bar fomentou e alimentou a relación con outras artes.

Alguén nos dixo ‘non me levanto ás sete da mañá para mercar un libro pero si para tomar un café’

Unha das cousas que falabamos antes, ademais deste binomio de copas e libros, os fondos literarios que tes axústanse a un estilo concreto? Tiñas certa predilección por un xénero determinado?

A nosa primeira selección foi a que che dicía, libro de ensaio e, nomeadamente, político e literario. A partir de aí, a verdade, tal e como funciona o mercado de distribución en Galiza foron chegando outros libros a través de diversas distribuidoras: literatura infantil, poesía, teatro, etcétera.

Hoxe en día temos unha selección reducida pero atendendo aos nosos critérios e ao de outras persoas da nosa confianza. Mesmo así, tentamos dar prioridade ao ensaio.

Penso que fostes os primeiros en empregar esta fórmula na cidade aínda que agora hai dous locais máis, malia que traballan a literatura castelán. Cres que hai cabida e demanda para este tipo de negocio na Coruña?

Entendo que si, tamén porque termina por ser unha alternativa ao que xa había, e porque facilita a multidisciplinaridade. A fórmula, para nós, pasaba pola reinvención, por que os espazos non só acollesen outras artes e contidos senon que colaborasen con elas.

A Linda Rama é como un salón dunha casa no que sempre pasan cousas.

Canto ao que comentas da cuestión lingüística, para nós é algo completamente natural. Nunca nos plantexamos outra cousa e tampouco foi nunca motivo de debate, cuestionamento ou obstáculo, nin internamente nin desde fóra.

Despois do tempo que levades abertos, cumpríronse as vosas expectativas iniciais?

Si e non. A parte que lle corresponde ao ‘non’ ten a ver coa aspiración de termos maior capacidade de supervivencia a través da libraría, e iso tivémolo que ir deixando máis a un lado en función dunha ampliación de horarios cara a noite.

Canto ás expectativas de difusión, de acollermos programación cultural e contracultural no espazo, ultrapasouse o esperado, sen ningún tipo de dúbida.

Pensa que, por poñer só algúns exemplos, nos últimos 12 meses por aquí pasaron fotógrafos como Vari Caramés, Luís Botana ou Alfonso Rego; pintoras como Ángeles Sales, Iria do Castelo, Ramón Astray ou Paula Fraile; xente das artes escénicas como Déborah Vukusic, Rocío Romero, Arantxa Treus, Carlos Meixide, Caxoto ou Isabel Risco; poetas como Antía Otero, Dores Tembrás, Yolanda Castaño ou María do Cebreiro; Músicos como Zan Hoffman, Serxio Moreira ou Brais Morán… e un enorme etcétera que inclúe nomes como o de Carlos Taibo, Víctor Sampedro, Xurxo Chirro… e tantos e tantas outras.

Desde logo foi un ano e tres meses, desde que abrimos, moi positivo, de constante crecemento, de moitos esforzos e de, cremos, recoñecemento social de todo o traballo que hai por tras.

E que realmente, desde o punto de vista dun cliente, penso que senón chega a ser por esa parte de diversificación multidisciplinar, a libraría tería morto, non?

Si, sen dúbida. Está na base do proxecto que a libraría continúe e un dos propósitos que temos este ano é facela medrar. Queremos volver facer unha aposta investindo en libro.

Se ben é verdade que se tivesemos apostado só pola libraría, teriamos pechado hai moito tempo. Isto foi o que nos obrigou a procurarmos outro espazo e hoxe, talvez por idade, ou polos factores que foren, vemos que os nosos tempos teñen maior produtividade a través do mundo da noite.

Xa para rematar, e ao fío diso, pensas que é posíbel recuperar o bar, o café, como centro de charlas e reunións artísticas?

Seguro que si. Outra cousa é como modelo de negocio. É dicir, aquí na Linda Rama considero que mesmo existen xa grupos de intelectuais e artistas que frecuentan o espazo e que conforman unha especie de familia, se ben, o modelo de negocio do ‘café’, é dicir, sobrevivencia a partir de algo que se ofrece por pouco máis dun euro, é un modelo que caducou.

As esixencias dos espazos públicos e dos negocios privados son moi diferentes. O problema chega cando estes se confunden e se mide o éxito por cuestións como por exemplo o volume de asistencia aos actos. Son criterios dificilmente extrapolábeis.

Bon, pois non sei se queres engadir algo máis…

Quero. Desexarvos desde esta nosa póla que a vosa nova aventura floreza, celebrar que contásedes connosco para esta entrevista e a ti, amigo Duncan, agradecerche todo o cariño que tés mostrado tantas veces pola Linda Rama.

Imaxes: YC, Xosé Duncan.

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*