Entrevista a Ermitas Valencia da Libraría Suévia

0
102

Entrar na Libraría Suévia (Vila de Negreira, 32 – A Coruña) é como entrar nun pequeno oasis. Está situada na Agra do Orzán, a zona de A Coruña na que eu desembarquei, desde a miña Taragoña natal, hai máis de corenta anos. Até que a abandonei para me mudar á fina fronteira da cidade con Culleredo, asistín ao seu envellecemento e despoboamento. Case todos os que estudaramos no Raquel Camacho e no Agra rematamos por marcharmos aos que, daquela, eran os pisos máis accesibles, economicamente falando, na busca da nosa independencia e coa intención de forxarmos as nosas vidas. Xaora, seguín en contacto co barrio, mais que nada por facer as visitas de rigor aos meus pais, e fun espectador do continuo peche dos comercios de sempre, deixando a Rúa Barcelona (chamada a ser a rúa peonil salvadora dos negocios do barrio) como unha longa ringleira de baixos baleiros. É unha zona obreira e traballadora, como moitas outras da Coruña que non forman parte do escaparate turístico da cidade e na que, por desgraza, a media de idade achégase perigosamente á da xubilación. Talvez, por mor destas circunstancias, dá gusto atopar un local como a Suévia no que, os superviventes da miña xeración, poden levar ás súas crianzas a se empapar de cultura e literatura galega.

Como xurdiu a idea de abrir unha libraría e cal é a alma da Suévia?

Pensabamos que non existía na Coruña ningunha libraría que atendera a edición que se fai alén Miño. O soño era abrir unha libraría na que, na medida das nosas posibilidades, tivera unha importante presenza o libro galego e portugués. Moit@s d@s nos@s clientes, comezaron a ler en portugués e galego porque tiveron acceso a eles, non por que os viñeran buscando. Esa era a idea.

A convivencia coa prensa e as revistas será por necesidade de supervivencia mais… é por mor da crise económica ou da crise cultural? Quero dicir, pensas que sería necesaria malia que non estivésemos tan afogados economicamente?

Inicialmente, introducir prensa e revistas foi por unha cuestión económica. Axudou a facer clientes na nosa contorna e a que moita xente que pasa, que nunca entraría nunha libraría, así entre. Despois de 3 anos, xa non é unha necesidade económica en si a venda de xornais e revistas, mais segue a ser moi interesante. O abano de público e moito máis grande e isto axuda a aumentar as vendas de libros.

Visto desde fóra, semella unha incoherencia transixir coa venda de prensa e, con todo, especializarse no libro portugués. Cal foi a razón desta especialización?

Dar acceso a un fondo de libros en portugués parecíanos fundamental. A prensa é un xeito, como explicabamos antes, de chegar a máis público. Unha libraría, ademais de moitas outras cousas, tamén é unha actividade económica, que ten que ser sostible para poder existir.

Pensabamos que non existía na Coruña ningunha libraría que atendera a edición que se fai alén Miño.

Deste xeito temos un público máis especializado, que se achega até aquí por, sobre todo, libros en portugués e galego, e cada vez máis tamén para mercar música galega e portuguesa. E logo temos @ cliente que vive na zona, que pode entrar buscando un agasallo, mercar unha revista, os libros que lle pediron na escola ou calquera outro libro que lle apeteza ler que, se non o temos, encargámosllo.

Levades ben de tempo a facer actividades na libraría, principalmente presentacións de novidades e autores. Consideras que é obrigatorio facelas hoxe en día? Como algo que debe ter unha libraría se quere parecer algo máis ‘culta’ e ‘especial’ que unha papelería ou como algo que é básico na dinamización da cultura do barrio?

As presentacións fan que unha libraría sexa algo máis que unha actividade económica. Primeiro porque visibiliza aos/ás autores/as e ás editoriais que a nós nos gustan, nas redes sociais e na prensa tradicional. Segundo porque xera valor engadido para a zona, pois a xente que vén ás presentacións, moitas veces, antes o despois, consume nos establecementos que existen no barrio. E terceiro, porque ofrecemos aos/ás nos@s clientes algo máis que a simple venda. É a oportunidade de achegarse a unha obra dun xeito privilexiado. Escoitando a un/unha autor/a. Se tiveron unha experiencia agradábel, esas persoas sempre volven.

As presentacións fan que unha libraría sexa algo máis que unha actividade económica.

Pensaches algunha vez en facer algo máis que presentacións? Mesas redondas, conversas sobre un xénero concreto, xuntanzas de autores…

Pensar, pensamos moitas cousas pero, ás veces, non damos feito máis. Estamos comezando, pouco a pouco, a ofrecer outro tipo de actividades, como obradoiros para nen@s e tamén para adultos, ou actividades ao redor do libro e da lectura, da criazón literaria. Nuns meses, contaremos cun novo espazo que nos permitirá realizar os obradoiros con maior comodidade e que mesmo poderemos ofrecer para que, quen queira, monte a actividade que queira sen interferir na actividade comercial e cun horario máis amplo.

Como ves a túa libraría de aquí a dous anos? Dáme dúas visións: sendo realista e sendo soñadora. Como pensas que estará e como che gustaría que estivese?

A visión realista creo que é a de que sigamos crecendo pouco a pouco, froito de asumir cada vez máis traballo. Sendo soñadora, que a libraría sexa referente da cultura galega e portuguesa. E xa se queremos soñar máis, mesmo que poidamos mudarnos non só de local senón tamén de cidade.

Pregunta obvia para o final da entrevista mais… Como está o panorama? Alén da repulsión que lle dá o libro aos xestores políticos que gobernan as nosas vidas, hai algo que estea nas nosas mans e que poidamos facer?

Hai unha realidade que deberiamos atallar, para que a edición e a literatura en Galiza teña futuro, que son @s nov@s lector@s. Creo que está na nosa man mudar as cousas. Para empezar, apagar a televisión e saír máis á rúa. Recuperar as relacións persoais e as conversas en persoa, sen un plasma polo medio e, sobre todo, que as futuras xeracións nos vexan ler máis.

Imaxes: Xosé Duncan.

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*