Biblioteca CEP ‘Brea Segade’

0
88

Levando como levo a Taragoña sempre comigo, non podía deixar pasar a oportunidade de empregar lermos.gal como ferramenta de difusión e comunicación do grande traballo que se realiza no seu CEP, o Xosé María Brea Segade.

É curioso ver como estoupa unha guerra sen control coa proximidade das datas para a reserva de prazas do curso escolar nas cidades. Unha guerra na que se permiten todo tipo de artimañas e mentiras descaradas para matricular á rapazada no colexio concertado de moda ese ano. Colexios concertados nos que a educación é sectaria (por definición), irreal e incompleta, e nos que se lles inculca aos nenos e nenas que a nosa orixe cultural son os romanos e que o noso cerne os Reis Magos porque eles son a nosa tradición (comentario real dun mestre nunha aula, a miña ironía non dá para tanto). Logo, por que esa guerra? A resposta é aínda máis surrealista que o comentario anterior. Teño escoitado, en máis de unha ocasión, que é para que a rapazada se poida relacionar con fillos e fillas de xente de cartos e boa posición, de cuxa amizade se poida sacar proveito no futuro. Obviamente, non estou a dicir que isto sexa a pauta xeral (os que me coñecen saben que tendo á esaxeración visceral) mais, se extraemos da ecuación esas dúas ideas surrealistas, que nos queda como argumento para defender unha educación de peor calidade, nuns centros que, malia ser concertados, sempre atopan escusas para facturar algunha partida adicional e que, en moitos casos, nin lle corresponderían por proximidade a ese alumno e alumna que devecen por formar parte do seu sistema educativo?

É curioso ver como se entregan e canto o agradecen os que menos oportunidades teñen. Co comezo do curso escolar nas aldeas, o alumnado e o profesorado emprenden novos proxectos, idean novas fórmulas para que prenda na rapazada o lume da curiosidade por saber, da necesidade de coñecer cousas que non forman parte do seu día a día. E mentres uns están preocupados por investiren en futuras relacións empresariais (a faceren uso dos seus poderes de videntes de feira), os outros enfocan os seus esforzos en sementaren cultura e ganas de aprender.

A continuación déixovos unha reportaxe elaborada pola propia equipa da biblioteca. Ninguén mellor ca eles mesmos para nos contaren en que consiste o seu traballo.

Un punto de fuga

O papel das bibliotecas escolares na vida dos centros e a súa repercusión nas respectivas comunidades educativas mudou extraordinariamente na última década. A posta en marcha do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, coñecido como PLAMBE, por parte da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, foi o principal detonante deste cambio. Se sumamos a isto a implicación da comunidade educativa –profesorado, alumnado, equipos directivos e familias– en poucos anos as bibliotecas escolares galegas convertéronse nun referente cando falamos de integración do currículo, animación á lectura e dinamización cultural.

A Biblioteca Brea Segade –B.B.S.– botou a andar como tal no ano 2006 cun obxectivo ambicioso: converterse nun centro de recursos para o ensino e a aprendizaxe e nun espazo fundamental de animación á lectura e dinamización cultural nas parroquias rianxeiras de Taragoña e o Araño. Partíase dunha biblioteca xa existente, cun espazo e uns fondos que houbo que revisar, transformar e actualizar para poder asumir o novo modelo de biblioteca. O CEP Xosé Mª Brea Segade é un centro de ámbito rural con alumnado de primaria procedente das dúas parroquias mencionadas e cunha matrícula que nos últimos cursos non superou os cento vinte alumnos/as. Para o alumnado e as súas familias a B.B.S. é a biblioteca máis próxima e, en moitos casos, o primeiro contacto cun espazo especificamente dedicado aos libros. Tratábase pois de implicar á comunidade escolar na tarefa e, con certeza, a comunidade respondeu ao chamado.

As bibliotecas de proximidade como a nosa, ofrecen á comunidade educativa un servizo especializado, con persoal docente encargado duns fondos que coñece, atento sempre ás novidades, aos gustos persoais de cada alumno ou alumna, das publicacións na moda así como de cubrir as necesidades pedagóxicas ou didácticas. Hai por tanto diferentes obxectivos que teñen a ver coa posta en funcionamento dun centro de recursos que alimente á vida académica nas súas necesidades curriculares, mas tamén, e esta é quizá unha das ideas forza desenvolvidas neste artigo, o fomento da lectura a través da recomendación e de estratexias que nada teñen a ver coa imposición de obras escollidas.

O primeiro aspecto a destacar é o papel nivelador que a Biblioteca Escolar ten a respecto das diferenzas que nas familias se dan no acceso aos libros. Non en todas as casas existe o hábito da lectura cotián. Ás veces, mesmo sendo os pais conscientes da necesidade de que os seus fillos lean, as prioridades da súas economías en precario céntranse en asegurar unha boa alimentación, comprar roupa, os gastos da vivenda…

É por isto que unha das labores principais das Bibliotecas Escolares é conseguir que os andeis de libros non fiquen para algúns alumnos e alumnas demasiado elevados.

Neste impulso de familiarizar o libro, quer dicir, convertelo nun obxecto que forme parte do dia a dia de cada casa, o empréstito convértese nun tráfico solidario que move cada semana cerca de cen transacións. Desde as titorías acostumamos a ver como o alumnado comenta as lecturas de modo espontáneo, recomendándose volumes da biblioteca que eles xa leron, mesmo agardando a que un compañeiro entregue o seu exemplar para podelo levar emprestado. Técese, pois, unha rede que une lectores con fíos sutís, apenas intuídos, mas que sabemos que están ai.

Da nave nodriza, é dicir, a B.B.S., saen cada semana cabaliños de troia, as denominadas Mochilas Viaxeiras. Constitúe unha das actividades de animación á lectura mellor valorada, portando no seu interior unha escolma dos nosos fondos que nos permite dar a coñecer títulos seleccionados pola súa calidade literaria e polos valores que transmiten.

Mas o libro é o canal dun proceso de comunicación que ten como protagonistas dun lado ao autor ou autora e do outro ao lector, neste caso o noso alumnado. A milagre prodúcese cando desde a biblioteca somos quen de provocar o encontro entre ambos, no marco dun coloquio, dun taller ou mesmo dunha performance. Tamén os autores se familiarizan, pasan a ser rostros amábeis que falan das súas obras desde a perspectivas de nenos e nenas que un dia se fixeran adultos e decidiran ser escritores profesionais. Mostran aos seus interlocutores o secreto último da escritura creativa: seren, antes e agora, grandes lectores.

As Bibliotecas Escolares, ou cando menos a nosa, mudaron o concepto imposición polo de suxestión. Os trípticos de recomendacións, as exposicións en épocas especialmente sensíbeis para a adquisición de libros como o Nadal, os traballos sobre autores ou temáticas específicas pretenden descubrir ao noso alumnado hipóteses de lectura, poñer o foco en traballos que consideramos de calidade desde a nosa óptica de ensinantes. Mais o fomento da lectura debe residir nunha visión hedonista da mesma; ler por pracer para así amar a lectura. Somos felices cando un alumno ou alumna ao devolverte un libro que ti lle recomendaches –e mesmo adoras– confesa que non lle gustou nada, esgrimindo todo tipo de razóns. Ese é o perigo que corres cando fomentas o pensamento crítico.

A lectura supón concentración, reflexión, unha educación continuada e multidisciplinar. Canto gastamos en animación á lectura o estamos a investir en librepensadores.

 

A oferta das Bibliotecas Escolares é, como non podía ser doutro modo, plural. Cando dicimos isto queremos afirmar a nosa vocación de que o alumnado teña aceso a todo tipo de temáticas, formatos, xéneros. Fai algúns anos, por exemplo, non era habitual nos centros encontrar unha oferta variada de banda deseñada, sendo hoxe un dos seus principais atractivos. En relación con isto, desde a B.B.S. procuramos fuxir dun certo paternalismo ao que ás veces nos vemos abocados pola natureza mesma das lecturas. En ocasións tivemos que exercer a censura ou o expurgo de libros que pola súa excesiva violencia ou linguaxe sexista consideramos inapropiados. Isto sempre xera un debate –persoal e colectivo–, mais é deber do educador non refusalo para lograr que a biblioteca escolar promova valores conducentes a lograr no noso alumnado unha maior conciencia social.

En definitiva, e como conclusión, cremos que a Biblioteca Brea Segade, unha biblioteca escolar do rural galego, é unha ferramenta de transformación. O input de lecturas é sempre un triunfo do ser humano sobre a mediocridade. Ler, como escoitar boa música, asistir a exposicións, a representacións teatrais, ten que ser considerado como prioritario no proceso educativo; xamais unha actividade complementaria. E así, e para que as escolas non continúen a ser os panópticos dos que falaba Foucault e Onfrain, desde as bibliotecas escolares trazamos un punto de fuga en dirección á aventura de aprender: a lectura.

Imaxes: CEP Brea Segade, Xosé Duncan.

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*