Contos Estraños nº 1 (1ª parte)

0
51

En marzo de 2012 aparecía nos andeis das librarías máis frikis e afoutas do país o número 1 (se seguides as Crónicas Pulpeiras xa saberedes que, en realidade, era o número 2) de Contos Estraños. Titulouse ‘Anoiteceres Estraños’ e dedicouse á memoria do mestre Howard Phillips Lovecraft polo que, malia que non estritamente, os textos deste volume mergullábanse no universo impío e atormentado do xenio de Providence. Facían a súa aparición no proxecto as dúas primeiras escritoras: Ana Raven en narrativa e Marisol Gándara en poesía. Tamén sería neste número no que comezarían a asomar as ilustracións en branco e negro que acompañaban algúns dos relatos. Unha compañía que se chegaría a converter en verdadeiras alianzas entre @s artistas e que moit@s trasladarían máis tarde ás súas propias novelas. Como última notación, continuáronse as novelas curtas que arrancaran no número 0 (rematando a de Fabián) e Picón deixou o seu lugar a Guillermo de la Peña no deseño da capa, o cal colaboraría cunha ilustración realmente acaída ao tema e que case semellaba feita a propósito para este número.

O ‘Volume 1 – Anoiteceres Estraños’ estaba composto por:

O pescador de homes – Ana Raven

A procura – Jacobo Feijoo

As bágoas de Neixón – Xosé Duncan

O sátiro – Manuel Ángel Gayoso

A illa no Mar-Chan – Tomás González Ahola

Expediente Sentulo – Roberto A. Rodrígues

Sentenzas de volta – Jorge Emilio Bóveda

E cae a neve – Ariel Martínez

Rato – David Botana

E mais as novelas por entregas:

Primeiros (2ª parte) – Fabián Plaza

Dark (2ª parte) – Ernesto Diéguez

E un apartado de poesía e tradución:

O erro foi descubrila – Marisol Gándara

O faro do ancián – H.P. Lovecraft

O engano da lúa – Robert E. Howard

Os pasos dos mortos – William Hope Hodgson

Unha vez presentado o contido deste número 1, falemos cos autores e autoras:

Quen es e que relación tes coa literatura?

Ana Raven (AR): A literatura é unha parte importante das nosas vidas en xeral. Sen literatura non hai imaxinación. O mesmo se pode dicir de todos os tipos de manifestacións artísticas mais, no caso da literatura, semella que o temos mais a man a partires de bibliotecas públicas e do sistema educativo. Logo a literatura é quen de deixarnos saber que non debemos ter medo a manifestar a nosa cultura e a nosa potencialidade creativa a través dela. Deste xeito a miña relación coa literatura é de dependencia, logo sen escribir ou soñar, non son quen son.

Jacobo Feijoo (JF): Un autor que sofre moito escribindo pero que non pode deixar de facelo. Un atormentado.

Tomás González Ahola (TGA): Son Tomás González Ahola, si, o troll que comezou aquela liorta coa Federación de Librarías (e outras moitas que houbo e haberá). A miña relación coa literatura, se ben arranca desde que son lector, supoño, pódese definir como unha especie de enfermidade. Por concretizar, debo confesar que desde 2005 fun tradutor literario, fundei Edizer, unha empresa de servizos editoriais, logo fundei Urco editora, logo Sacauntos (unha imprenta de libros), a propia revista Contos Estraños, publiquei algún que outro libro e esas cousas. Si, pódese dicir que teño unha relación un tanto enfermiza coa literatura.

Por que enviaches un relato a Contos Estraños?

AR: E por que non? Era e é unha iniciativa atractiva dentro do panorama galego de literatura, onde poucas editoriais ou iniciativas confiaban na fantasía e na edición de relatos curtos de temática romántica, misteriosa ou gótica e Contos Estraños era unha proposta fresca, nova e innovadora que me atraeu desde o primeiro momento.

JF: Porque o pensamento debe expresarse en todos os idiomas do mundo para chegar á xente do xeito máis natural posible para eles. Quería apoiar a lingua galega co meu graniño de area, pese a que me custa un pouco expresarme neste idioma.

TGA: Aínda que pareza estraño, malia a miña experiencia no sector editorial, naquela altura estaba cheo de inseguranzas en canto a publicar a miña propia obra. Achábame escribindo a miña primeira novela, Galiza Mutante. Poder Nuclear! e ocorréuseme que publicar un extracto ou un relato ambientado nela na revista Contos Estraños podía ser un bo xeito de lle tomar o pulso ao público. Así e todo, o máis estraño, sen ningunha dúbida, foi enviarme o relato a min mesmo.

Que era o que esperabas acadar coa publicación do relato? Acadáchelo?

AR: Poder chegar coas miñas historias a un público máis amplo e poder coñecer a outras persoas tan vencelladas e involucradas coa literatura de xénero como eu o era naquel momento. E por suposto que o conseguín, sobre todo o segundo.

JF: Só buscaba dar a coñecer á xente as miñas historias. Acadeino.

TGA: Sempre fun moito daquilo que dicían os nosos pais (para nos rifar) de “aprendiz de todo, mestre de nada”, así que a miña intención non era outra que cumprir con esa máxima eterna e sabia. Ao longo da miña vida fun moitas cousas, mais o selo de “escritor” aínda non figuraba no meu pasaporte de viaxeiro por este plano da realidade. Alén diso, como dicía na resposta anterior, desexaba tomar o pulso ao lectorado para ver se a miña novela podía gustar. Acho que conseguín o que pretendía: desde “A illa no Mar Chan”, levo publicado un libro por ano.

Que había, como autor/autora, antes de Contos Estraños?

AR: Pouco había. Algunhas publicacións en relatos curtos en formato cómic e algo de autoedición. Mais a experiencia en Contos fíxome medrar como persoa e como autora e desexar chegar a máis, poñerme novas metas e atopar os medios de acadar esas metas. Sobre todo resultou unha experiencia grandiosamente motivadora e moi agradable en canto ao coñecemento do grupo de persoas que forman esta iniciativa.

JF: Unha novela en galego, con Urco editora (colección Alcaián), e algúns premios en microcontos.

TGA: Había moitas novelas empezadas, moitos relatos sen acabar, moitas ideas a bulir no meu maxín. Porén, tamén había un traballo incansábel e entusiasta no mundo editorial. Podo dicir que tiven sorte de acharme no lugar e no momento axeitados. Mais claro, tamén é certo que eu contribuín enormemente a “crear” o momento e o lugar…

Que houbo despois?

AR: Lamentablemente con Contos pouco máis, pero a semente desas ansias de seguir adiante e mellorar trouxeron recoñecementos en forma de diversos premios literarios. Hai tamén un gran traballo de networking con autores de grandísima valía aos que cheguei a coñecer a través desta colaboración e, sobre todo, o traballo de cara a acadar novas metas, traballar en novos eidos temáticos e poder medrar na escrita.

JF: Despois viñeron ata 18 obras publicadas (xuvenil, terror e humor para adultos…). Agora, moi descontento co sector editorial oriento todo o meu tempo ó deseño de xogos.

TGA: Novelas acabadas, libros publicados, máis relatos, máis ansia de escribir e de me manter neste lugar e neste momento. Pero tamén houbo traballo como editor, promoción de moitos escritores e escritoras que medraron ao abeiro da revista e ao meu carón. Houbo aprendizaxe de todos e todas, como editor e escritor. Acho que todas e todos puxemos, nestes últimos anos, os alicerces dunha grande, impía e escura casa chamada Urco editora.

_____________________________________________________

Dentro de quince días, a segunda parte deste ‘Anoiteceres Estraños‘ co que, ademais, coincidiron dous acontecementos de moita importancia para a Xeneración Estraña. Instaurouse o ‘Encontro de Fantasía Galega‘, que tivo a súa primeira edición na Creedence Rock d’A Coruña, e publicouse o primeiro volume da triloxía ‘Os abismos da noite eterna‘ de Roberto A. Rodrigues.

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*