Entrevista a Xurxo Esquío

0
38

Antes de comezar coa entrevista, coñezamos un pouco máis deste guitarrista da Estrada.

Polo que di na súa páxina do Facebook:

Acerca de… no Facebook

Polo que din os Esquíos na súa web:

Web dos Esquíos

E un dos vídeos que teñen subidos no Youtube:

Ben, despois de ver o que partilla del e da súa arte nas redes intanxíbeis da Internet, pasemos ás preguntas de rigor…

Cal é a túa relación coa literatura?

Pois son un avezado lector desde moi novo, comecei co típico: Salgari, Los Cinco, Los 6 amigos…etc, e aos trece anos lin un libro que me marcou bastante, O Hobbit de Tolkien. A partir de aí ata o de agora, nunca deixei o hábito nin as ganas de ler… Así que a miña relación, máis alá de ser un hobby, podería dicirse que é parasitaria, preciso a lectura para alimentar a miña imaxinación e para evadirme.

Algunha outra arte da que gustes (mesmo máis) ademais da literatura?

Pois si, son un melómano empedernido. Teño centos de vinilos, miles de cds, cassettes… de diferentes tipos de música, pero digamos que predomina o rock. Son o guitarra e compositor de Esquíos, por certo.

Que anima a unha persoa que visita unha web literaria en galego a participar nun certame de relato curto?

Eu escribo en moitas ocasións de motu propio, porque me apetece. Entón, se hai unha convocatoria é moi fácil que me mostre interesado en participar porque escribo por pracer. Ademais os relatos curtos non supoñen traballo ningún, ao contrario, e eu teño facilidade para escribir e unha fértil imaxinación… Outra cousa é a calidade do que sae de min, aí xa non entro.

Que opinas do panorama literario galego, desde o punto de vista de lector?

Penso que é un pouco endogámico, ao mesmo que sucede con todo o espectro cultural galego, que eu coñeza. O amiguismo é un cancro en todos os ámbitos de Gz. Entón, vese un pouco sempre o mesmo e feito por @s mesm@s. Por outra banda, hai que ver quen gaña os certames, literatura moi tradicional, que non arrisca en absoluto, moi cuadriculada; con moita calidade e necesaria, si, pero tamén debería darse oportunidade a algo diferente, mesmo que conecte máis coa xuventude. Só algunha editorial máis pequena aposta por iso, como pode ser Urco, á que xa sei que estades conectados, e sen ánimo de “pelotear”, felicítovos por iso. Hai que arriscar, a literatura debe evolucionar ao ritmo da sociedade!

Como consumidor de libros, sénteste atraído polas Feiras do Libro, pensas que aportan algún valor engadido ao público potencial de literatura?

O feito de que lea bastante, e as veces dun xeito compulsivo, quizais sexa o motivo polo que non adoito ir ás Feiras do libro. Non as preciso para coñecer novos autores, teño outras canles para chegar ao que busco, entón penso que cumpren unha función divulgativa e de escaparate interesante, pero non son un asiduo.

Que les habitualmente?

Novelas, haha! Buff, agora mesmo por exemplo estou lendo El día de los trifidos de John Wyndham. Pero leo diferentes xéneros, segundo o momento. Un dos meus favoritos é H.P. Lovecraft e logo tamén Bram Stoker, H.G. Wells…ese tipo de literatura fascíname. Pero tamén me gusta Bukowski ou Kerouac, e podo gozar con calquera best-seller por aí, depende, son moi galego para isto hehe.

Outra cousa que me gusta ler son libros sobre temática musical, biografías, revistas musicais…etc. De feito, colaboro con algún medio musical. Hai anos ata me seleccionaron como colaborador da Popular 1, aínda que non cheguei a escribir nin unha liña porque non me deixaban escoller sobre que escribir, e eu mandeinos á merda… Seguro que foi unha estupidez deixalo, pero así foi, sempre fun á miña.

Para ti, a escrita, é unha afección ou un obxectivo?

Afección! Comezou dun curioso xeito. Cando ía en 3º da antiga E.X.B.(no Barco de Valdeorras), unha profesora mandounos escribir unha historia na que os protagonistas fóramos nós e os nosos amigos. O texto que eu entreguei deixounos alucinados, moveuse por todo o colexio, poñíase de exemplo aos de oitavo curso, enviouse á Deputación e tal… Eu, como suporás, estaba alucinando. Non vía a que viña todo aquel barullo por algo que fixera dunha sentada e sen esforzo ningún. Aí fun consciente de que se cadra era algo que se me daba ben. Pero témome que decepcionei, hehe, seguramente porque andaba cunha cuadrilla que digamos que eramos uns vándalos de manual, e non volvín escribir ata pasados uns anos. De feito, meus colegas, nin lían nin por suposto sabían que eu o facía. Alí, daquela, era algo que era mellor non airear moito.

Algunha reflexión final, sobre a cultura galega, a política, as artes, o mundo en xeral?

Pois unha reflexión sobre a nosa cultura, que en primeiro termo é a pasada, a que fixeron os nosos devanceiros e que sentaron as bases do que somos e do que é a nosa cultura. Pero esta é un ente vivo, e coma tal vai mudando co paso do tempo, vai crecendo e para iso hai que coidala e alimentala. Polo tanto, tan importante debe ser a nosa cultura actual; mellor ou peor pero nosa. Por iso debemos apoiala de corazón e de cabeza, se realmente queremos avanzar na construción dun país mellor e máis avanzado socialmente.

Chegados a este punto, pediría aos políticos menos interese finxido, menos acudir por protocolo a actos culturais, para logo non ter nin un libro na túa casa (porque non os les), nin un disco na túa casa (porque non os escoitas) de cultura galega (se cadra de ningunha).

Remato agradecéndovos a vós o premio recibido e a vosa labor na difusión da nosa cultura e da cultura en xeral, que non debe entender, ao meu xuízo, de idiomas, de razas nin de países.

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*