Este foi o ano de Eli Ríos. Comezou costa arriba para ela, loitando en solitario na súa cruzada particular, defendendo Bicha que, despois de gañar o premio Pura e Dora Vázquez en 2015, tivo que botalo ao lombo e promovelo ela mesma por todo o país. Non só non se rendeu senón que, cando aínda estaba mergullada en facer chegar Bicha ao público, sacou á luz Marta e a píntega con Galaxia. Volveu ao traballo duro, a ese desgaste de horas e de fondos propios que é o contacto persoal da autora coa rapazada, e moveu ese novo libro por todos os lugares nos que a quixeron e lle deixaron. Calquera outra xa daría por ben feito o seu ano literario con esas dúas xoias mais Eli non. Hai dúas semanas escasas, presentaba o proxecto Mulleres bravas da man de Urco no que ela foi a encargada do volume adicado a María Victoria Moreno. E fíxoo, máis unha vez, chea de forza e enerxía.

Por todo isto, e moitas máis razóns, non podemos deixar de alegrarnos con ela, de partillar a súa ledicia por este premio tan merecido, tan de tod@s nós. Só esperamos que este activo da nosa cultura, esta activista da nosa cultura, non esvaeza nin perda folgos por mor da debilidade do noso sistema literario nin dos inexistentes apoios por parte da Administración (agás amortecidos pulsos coma este mesmo premio que non escusan os milleiros de leitos secos dos nosos ríos culturais). A alma humana ten unha fortaleza case infinita mais é humana e ninguén pode ser unha heroína en solitario para sempre.

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*