O cubil das letras de… “Eli Ríos”

0
18

Poucas cousas acompañan a escrita. Unhas necesarias, outras imprescindibles.

Necesario ese router 4G porque, a estas beiras, aínda non chegan os fíos. Necesaria esa libreta co seu boli porque os vellos costumes nunca acaban por deixarnos.

Imprescindible esa xanela, na que acostuma estar a gatiña, que cando se abre trae os recendos do océano e o falar da rúa. O océano. Unha constante nas páxinas en branco. A liña de fuga da miopía. O falar da rúa, desa pega que, cada mañá, vén roubarlle a comida á cadela do veciño.

Imprescindible ese R2D2 que me agasallou un día porque si, sen razóns especiais, o meu fillo. Porque a escrita sen os afectos é calquera outra cousa.

Imprescindible ese compás, que non sae na foto, e sinala un noroeste porque non sempre é preciso procurar o norte.

Imaxes: Eli Ríos

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*