O cubil das letras de… “María Canosa”

0
20

Por sorte ou por desgraza, mudei de vivenda abondas veces. Así é difícil definir de maneira permanente un lugar propio para a escrita. Incluso na mesma casa utilicei diferentes recunchos onde poder escribir en función da época, necesidades ou opcións.

O caso é que non podería quedar cun curruncho de escrita predilecto, porque cada un deles ten o seu momento, o seu sentido, dando vida a historias que, unha vez que saen á luz, xa se apoderan dunha querenza que é imposible obviar.

Así pois, busquei o denominador común deses lugares nos que sento a pensar, imaxinar, soñar, crear… escribir. Polas noites non me importa que sexa un acubillo pequecho, sen máis ca unha mesa e unha luz cálida, co silencio por compañeiro. Ás veces prendo candeas… as lapas van e veñen, como as ideas, as palabras. Polo día busco unha ventá, a luz natural, desviar a vista e atopar branco, azul, verde… A chuvia repenicando nos cristais…

Como tamén carezo de horario estrito, ás veces escribo no coche, mentres agardo por algo ou alguén, a que sexa a hora exacta. Tamén nos bares que me seducen. No lugar onde toque pasar a fin de semana…

Traslado o meu cubil alá onde vou. Nel sempre preciso un caderno máis un lapis ou un bolígrafo. Cadernos grandes e pequenos, grosos e finos, preferentemente coas páxinas totalmente brancas. Aí quedan manuscritas as ideas, algunha palabra, esa luz da candea que dá orixe a unha historia… incluso pode que escriba todo o texto nel.

O meu recuncho está, por iso, no papel.

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*