O cubil das letras de… “Concha Blanco”

0
18

Eu vivo nunha casa e aínda que moitas persoas pensan que iso é unha sorte, un privilexio (máis espazo, menos ruído…) non pensedes que está exento de problemas. No meu caso é así, pois non teño un só recanto para min. Teño dous. Un na planta baixa e outro no primeiro andar, que os uso segundo as circunstancias.

Se é un traballo de creación fágoo no espazo do baixo, pois eu escribo os orixinais á man. É un lugar amplo, con moita luz, tranquilo. Convivo nel cunha morea de libros, cun ordenador case xubilado e con varias esculturas feitas por Manolo, o meu home.

Para o resto do traballo que a literatura esixe prefiro o segundo recuncho, este no que me vedes na imaxe, máis pequeno, arrodeada de máis libros, máis esculturas, cadros, fotografías, recordos … Ademais ten unha ventá na que case tocan as pólas varudas do carballo da horta, onde agora está pendurado o bambán de Aniña, a neta.

E logo onde está o problema?

Pois… que aínda tendo nos dous sitios material por duplicado, obrígame a subir e a baixar escaleiras varias veces ao día.

(Unha boa maneira de facer exercicio, agora que o penso. Daquela … non é tan malo!)

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA


*